Ya estás inscrito en este curso
A alimentación ecolóxica: unha nova demanda da sociedade, un compromiso coa nosa terra
A agricultura e gandaría biolóxicas constituen un sistema xeral de xestión agrícola e produción de alimentos que combina as mellores prácticas ambientáis, un elevado nivel de biodiversidade, a preservación dos recursos naturáis e a utilización de materias primas e procesos naturáis. Os produtos biolóxicos desempeñan un papel social dobre: dunha banda aportan alimentos que responden á demanda dos consumidores e por outra xeran bens públicos que contribúen á proteción do medio, ó benestar animal e ó desenvolvemento rural.
A maioría das producións ecolóxicas utilizan enerxías renovables, polo que incrementando o seu consumo, seremos tamén máis eficientes dende o punto de vista enerxético e empurraremos á nosa sociedade cara un futuro máis sostible, minimizando a contaminación da terra, a auga e o aire.
Os cultivos biolóxicos non son intensivos e non utilizan substancias nocivas, polo que os seus produtos están exentos de tóxicos, e teñen máis tempo para capturar do subsolo substancias que melloran o seu sabor, olor, composición nutricional e a súa dixestión.
O consumo de produtos ecolóxicos favorece o desenvolvemento social, cultural e económico das comunidades rurais evitando así o abandono do rural, ademáis de protexer a biodiversidade, e no caso da gandaría ás nosas razas autóctonas, algunhas en perigo de extinción, que na actualidade están en fase de recuperación e cunha elevada demanda como é o caso do porco celta.
Ademáis o sector da produción ecolóxica aplica maiormente criterios de responsabilidade social: xestión empresarial ética, comercio xusto, iniciativas solidarias, políticas laboráis de reinserción social…, iniciativas tan desexables coma necesarias na actualidade.
Tódolos produtos denominados biolóxicos, ecolóxicos ou orgánicos están certificados por un organismo autonómico ou internacional, e ademáis deben levar o aval de certificación ecolóxica europeo.
A produción agraria ecolóxica ou biolóxica constitúe un método diferenciado de produción de alimentos, que é convinte regular asegurando a transparencia en tódalas fases, tanto na produción como na elaboración ou comercialización. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (C.R.A.E.GA.) é o órgano encargado do control e certificación das producións ecolóxicas en Galicia.
A gandaría ecolóxica debe someterse a rigurosas normas de benestar animal e respostar ás necesidades do comportamento propias de cada especie e a atención veterinaria debe basearse fundamentalmente na prevención de enfermidades. Dita prevención de basearase na selección das razas mellor adaptadas ó entorno, nas boas prácticas de xestión pecuaria, nos pensos de gran calidade, nas cargas gandeiras axeitadas e nunha estabulación con boas condicións hixiénicas.
As enfermidades do gando trataranse con urxencia para evitar o sufrimento animal. Está permitido o uso de tratamentos veterinarios inmunolóxicos, os medicamentos homeopáticos e os produtos fitoterapéuticos. Poderán utilizarse tamén medicamentos alopáticos veterinarios, incluso antibióticos, cando sexa necesario e baixo condicións estrictas, cando co uso da homeopatía e a fitoterapia non se consiga o resultado desexado e aumentando os períodos de espera nestes casos.
Dado que a gandaría ecolóxica é unha actividade vinculada ó chan e á agricultura ecolóxica, os animáis deberán ter na medida do posible acceso a áreas ó aire libre e pastizáis. As forraxes e pensos deben proceder de cultivos ecolóxicos e sempre que sexa posible da mesma explotación, formando todo un conxunto agrosilvopastoral viable no que se reducen tamén os problemas de residuos e contaminantes.
O gando alimentarase con pensos ecolóxicos fabricados con produtos procedentes da agricultura ecolóxica estando prohibidos os factores de crecemento e os aminoácidos sintéticos. As materias primas vexetais de orixe non ecolóxica, e as materias primas de orixe animal ou mineral e os coadxuvantes tecnolóxicos, só se poderán utilizar se están autorizados para o seu uso na produción ecolóxica. Os mamíferos na fase de cría deberán alimentarse con leite natural.
A produción ecolóxica está baseada no uso de recursos naturáis, utilizando organismos vivos e métodos de produción mecánicos, desenrolando cultivos e producións gandeiras vinculadas ó solo e unha acuicultura que respete unha explotación sostible da pesca e quedando excluídos os organismos modificados xenéticamente (O.M.G.) así como os produtos obtidos a partir ou mediante organismos modificados xenéticamente.
Conclusións:
Os veterinarios temos aberto un gran campo de traballo na produción ecolóxica, tanto nas explotacións gandeiras como na industrias de elaboración de produtos elaborados. Actualmente está aumentando a demanda destes produtos por parte dun consumidor exixente e responsable co medio ambiente e preocupado pola saude.
Por outra banda, tamén existe un gran interés por parte dos produtores pola conversión da súa produción convencional en ecolóxica, xa que perciben importantes ventaxes na comercialización destes produtos.
Artículo publicado en la revista de Veterinaria Galega nº6, editada por la Fundación Acivega